O voceiro do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Rafa Villarino, anunciou a súa disposición a renunciar a ser o candidato á alcaldía da terceira cidade de Galicia nunha moción de censura, e emprazou ao Partido Popular a asinar esta iniciativa canto antes para “superar a parálise”. O líder dos socialistas comunicou a súa intención de “poñerse ao lado do candidato ou candidata á alcaldía que propoña o Partido Socialista” para conformar un “goberno local alternativo”.
Villarino remitiu esta mañá un burofax ás direccións local e provincial do PP, no que tamén empraza a esta formación a “comunicar formalmente”, antes do sábado 24 de abril de 2021, a súa “disposición para engadir a sinatura necesaria co fin de conformar a maioría que se require para rexistrar e votar favorablemente” a moción de censura. Esta decisión xa fora trasladada ao voceiro do grupo municipal do PP, Jesús Vázquez, nun encontro celebrado o mércores 7 de abril de 2021, sen obter resposta.
“Eu tomo esta decisión para salvar Ourense e que eu non sirva de pretexto para que o PP non axude a mudar esta cidade. Esta non é unha cuestión de persoas, é unha decisión para a cidadanía, para que Ourense teña posibilidades, para que os fondos europeos non fuxan desta cidade, para que Ourense teña un proxecto ilusionante”, manifestou o voceiro municipal socialista. “Esa ilusión non se lle pode quitar a Ourense”, destacou.
Neste sentido, o secretario de organización dos socialistas, Juan Carlos Francisco, manifestou a súa “satisfacción” por contar “cun compañeiro como Rafa Villarino” que é capaz de “antepor a súa cidade” e ter “altura de miras” buscando “unica e exclusivamente o desbloqueo da cidade, máis alá do seu compromiso coas siglas do partido”. “Ante iso, o PSdeG-PSOE só pode recoñecer, non só a valía política de Rafa, que a ten –gañou as eleccións nesta cidade cunha suba de case o 50% a respecto do 2015–, senón o seu “compromiso” co socialismo, que “non é nin máis nin menos que o compromiso coa sociedade”.
“Baltar dixo que o obstáculo para que nesta cidade houbera un cambio era Rafa Villarino, e que se ese obstáculo se retiraba, en cinco minutos esta cidade tería un alcalde”, lembrou o Francisco. “Nós emprazamos ao PP e a Baltar a que, en cinco minutos, resolva a situación desta cidade, e que permita unha moción de censura, posto que a día de hoxe non hai escusa de ningún tipo para que iso suceda”. Deste xeito, o secretario dos socialistas subliñou que “se o PP non faculta un goberno da cidade é porque está a outra cousa, que é precisamente bloquear o desenvolvemento de Ourense”.