Ourense Cidade

VI Xornada 'Exxperimenta en feminino' que organiza o Concello de Ourense

Con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o venres 10 de febreiro, celebrarase na praza do Bispo Cesáreo un acto de divulgación de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas.

Óscar Gómez

Ourense | 08.02.2023 09:57

 VI Xornada 'Exxperimenta en feminino' que organiza o Concello de Ourense
VI Xornada 'Exxperimenta en feminino' que organiza o Concello de Ourense | onda cero

Amosar as mulleres como referentes nas carreiras científicas é o obxectivo da VI Xornada 'Exxperimenta en feminino', que se celebrará o venres 10 de febreiro, na praza do Bispo Cesáreo organizadas pola Universidade de Vigo e polo Concello de Ourense. A actividade, que se realiza para conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, presentouse esta mañá no Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) coa presenza do concelleiro de Igualdade, Telmo Ucha, da directora do CIMM, Malena de Jesús, e das profesoras Julia Carballo -da Facultade de Ciencias-, Nieves Lorenzo -da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo- e Alma Gómez -da Escola Superior de Enxeñería Informática-.

“Desde o Concello queremos invitar a participar o alumnado de todas as etapas educativas a que acudan co seu profesorado e coas súas familias, porque será unha grande experiencia formativa e lúdica pensada para todas as idades”, manifestou o concelleiro de Igualdade. “Iniciativas coma esta”, dixo, “axudan a eliminar o estereotipo de que as carreiras e as profesións científicas e tecnolóxicas non son para as mulleres”.

A xornada consistirá na promoción das diferentes disciplinas científicas que se cursan na cidade. Instalaranse casetas informativas -este ano haberá seis máis- que serán atendidas por profesoras, estudantes e doutorandas da Universidade de Vigo. Porén, non será unicamente unha xornada de información e de captación de mulleres para as carreiras científicas, “nas que máis déficit existe”, en palabras de Julia Carballo, senón que se poderá participar de forma activa, como adiantaba Alma Gómez. Así, instalarase unha caseta coa “Ruleta da Ciencia”, en que as persoas que se acheguen poderán dar conta do aprendido na Xornada.

“Agardamos que esta xornada sexa un pequeno gran de area”, reflexionaba Nieves Lorenzo, “pero non só para mulleres, tamén para atraer alumnado a estas carreiras”. A Escola na que imparte clases, a de Aeronáutica e do Espazo, ten un 45% de mulleres matriculadas no primeiro ano da carreira, “algo inaudito nos rexistros”, comentou.

O evento terá lugar o venres 10 en horario de 11.00 a 18.00 horas ininterrompidamente, con acceso totalmente aberto e gratuíto.

Ademais desta iniciativa, a Concellería de Igualdade desenvolve estes días os obradoiros Convivere, cos que se pretende achegar ideas desde diferentes perspectivas sobre o feito de sermos humanos, e que poidan axudar ao entendemento, tanto persoal como colectivo. Telmo Ucha lembrou que o prazo de inscrición permanece aberto até o 15 de febreiro a través do enderezo de correo electrónico concelleriamuller@ourense.es