A pasada fin de semana remataban as X Xornadas de Carne de Boi de Allariz que se desenvolveron en Allariz entre o 24 de setembro e o 12 de outubro.
Vinte e tres establecementos hostaleiros ofreceron menús e tapas especiais elaborados con carne de boi de Allariz; dezaoito deles participaron no Concurso de Tapas do que se coñecerá o gañador o sábado 23 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 12:00. Ese mesmo día darase a coñecer tamén as persoas agraciadas cunha comida ou cun vale por valor de 250€ que participaron nas votacións do Concurso de Tapas.
A décima edición das Xornadas mostra, un ano máis, a consolidación dun proxecto gastronómico que achega cada ano a Allariz un importante volume de visitantes. A hostalería consumiu, máis de 2.500 quilos de carne de boi de Allariz, recuperando cifras de antes da pandemia. “Durante os 19 días do evento, Allariz acolleu gran número de visitantes e veciñas e veciños que saíron á rúa para degustar este manxar”, sinalaba María López, concelleira de Promoción Económica.
A gran acollida das X Xornadas de Carne de Boi de Allariz supón o broche de ouro a unha boa tempada estival. Allariz encara agora a temporada invernal que ven cargada de eventos como poden ser o Allariz de Medo, a Feira de Outono e a campaña de Nadal.