Concello de ourense

O Xulgado confirma a titularidade pública das Termas da Chavasqueira

Desestima a demanda de tres particulares que reclamaban a propiedade de parte dos terreos, nun preito cuxas orixes se remontan a hai 20 anos. O alcalde Gonzalo Jácome destaca que “é una gran noticia porque hoxe as termas son máis nosas”

Óscar Gómez

Ourense | 30.05.2022 11:42

chavasqueira
chavasqueira | Faro de Vigo

O Xulgado de primeira instancia número 3 de Ourense ditou sentenza na que confirma a titularidade pública das Termas da Chavasqueira. Nunha sentenza comunicada ao Concello, a xuíza desestima o recurso interposto por tres particulares que reclamaban para si a propiedade de parte dos terreos onde se atopa o espazo termal ourensán, concretamente o templete da instalación.

Trátase dunha vella reivindicación, pois esta familia xa reclamara a propiedade no ano 2000, cando o Concello iniciaba a execución das obras de construción das Termas da Chavasqueira. A súa demanda foi desestima daquela en dúas sentenzas favorables ao Concello de Ourense. Case vinte anos despois, os particulares presentaron unha nova demanda en 2020, reclamando de novo a propiedade.

A sentenza do xulgado de primeira instancia número 3 coñecida hoxe desestima a demanda e volve darlle a razón ao Concello, e a Confederación Hidrográfica, que reiteraron que as instalacións públicas e os mananciais localízanse na súa totalidade dentro do dominio público hidráulico.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, puxo en valor a importancia desta sentenza, resaltando que “é una boa noticia para o Concello de Ourense porque acaban unha serie de preitos que arrastraban desde hai 21 anos, dos que o último iniciouse en 2020, cos que residentes no estranxeiro reclamaban como propiedade súa a explotación das augas termais da Chavasqueira que son de todos os ourensáns”.

O alcalde destaca que “os servizos xurídicos do Concello realizaron un bo traballo, e finalmente o xulgado nos dá nos a razón. As augas termais da Chavasqueira son patrimonio de todos os ourensáns, e non dunha familia privada residente no estranxeiro. É una gran noticia porque hoxe as termas son máis nosas”, concluíu o rexedor.