Comercio

A Xunta ensalza a calidade das froitas e das hortalizas galegas

Fruit Attraction chega á súa duodécima edición coa finalidade de promover as exportacións mundiais do sector, así como a innovación do mercado hortofrutícola.

Óscar Gómez

Ourense | 06.10.2021 08:12

A Xunta ensalza a calidade das froitas e das hortalizas galegas
A Xunta ensalza a calidade das froitas e das hortalizas galegas | onda cero

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, acudiu á feira Fruit Attraction que se celebra en Madrid, para enxalzar a calidade das froitas e hortalizas galegas e dos seus produtos derivados. Así, desprazouse ao posto despregado pola Consellería do Medio Rural onde estiveron presentes a empresa chantadina Naiciña -centrada na venda de castañas e producións derivadas- a viguesa Galifresh -caracterizada pola elaboración de produtos a base de froitas, hortalizas e verduras-, ademais da cooperativa cambadesa de produtores de hortalizas Horsal. Un posto que tamén foi visitado polo ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas.

A asistencia a este evento, que se prolongará deica o xoves, enmárcase no obxectivo da Xunta de mellorar a comercialización e a promoción dos produtos agroalimentarios da nosa comunidade, nomeadamente de aqueles que están amparados por un selo de calidade. Así, tamén contaron con espazo propio como coexpositores as indicacións xeográficas protexidas (IXP) Pataca de Galicia e Castaña de Galicia, así como o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Fruit Attraction chega á súa duodécima edición coa finalidade de promover as exportacións mundiais do sector, así como a innovación do mercado hortofrutícola. Este ano están a participar na cita un total de 2.000 empresas de 140 países pertencentes a 18 sectores diferentes, ademais de 95.000 visitantes profesionais.

A Xunta considera fundamental a participación en certames feirais tanto de carácter nacional como internacional, co fin de dar a coñecer e mellorar a comercialización das distintas producións agrarias galegas, sobre todo das amparadas por unha denominación de orixe protexida (DOP) ou unha indicación xeográfica protexida (IXP). Nesa liña, a Consellería do Medio Rural vén creando en feiras coma esta espazos expositivos que permiten promocionar e establecer acordos comerciais entre as empresas coexpositoras e os maioristas e distribuidores, así como a ampliación de mercados.