Os viños e augardentes galegos de calidade diferenciada están presentes na XI Feira Nacional do Viño (Fenavin), que se celebra en Ciudad Real dende ata o vindeiro xoves. O espazo galego neste certame recibiu a visita do rei Felipe VI durante o seu percorrido por este evento. O monarca foi recibido polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, quen destacou a relevancia desta visita no contexto do prestixio e o recoñecemento que teñen acadado os viños e augardentes galegos nos diferentes mercados.
No marco desta feira, o director da devandita axencia puxo en valor o compromiso da Xunta a prol da calidade agroalimentaria. Neste sentido, destacou a futura Lei da calidade alimentaria, actualmente en tramitación, que ten como principal obxectivo o de acadar para os produtos galegos unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. Vinculou ademais o impulso á calidade coa correcta xestión do territorio, a partires do aproveitamento dos seus recursos propios.
A maiores, José Luis Cabarcos aproveitou esta ocasión para lembrar que ata mañá mércores está aberto o prazo para inscribirse nas Catas Oficiais de Viños e Augardentes de Galicia 2022.
Promoción en Fenavin
O Goberno galego está a apoiar a promoción das cinco denominacións de orixe e as catro indicacións xeográficas protexidas dos viños galegos, así como das indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais nesta feira Fenavin, que está considerada como unha referencia nacional dentro do mundo do viño.
A nosa comunidade dispón dunha superficie de 320 m² de exposición, nos que se distribúen un total de 42 postos. Neles están representadas máis de medio cento de adegas. Así, como viña sendo habitual, en Fenavin promociónanse as denominacións vinícolas Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro,
Monterrei e Valdeorras, así como as indicacións de Licor Café, Licor de Herbas, Augardente e Augardente de Herbas. Ademais, nesta edición estréanse no evento as indicacións xeográficas protexidas do viño Barbanza e Iria, Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Val do Miño-Ourense, nun posto no que están presentes un total de sete adegas. Así mesmo, existe un espazo específico para os consellos reguladores.
A maiores, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria despregou en Fenavin o túnel do viño, para que os visitantes poidan coñecer e degustar as marcas premiadas nas Catas Oficiais de Viños e Augardentes de Galicia de 2021.