José González remarcou a importancia de contar cunha delegación representativa dos viños galegos baixo a marca Galicia, traballando dun xeito conxunto na apertura de novos mercados para o sector: “É vital estar nesta feira todos xuntos, facendo referencia ao noso territorio. Porque ademais de traballar para seguir potenciando o cultivo de viñedo, recuperar zonas históricas, seguir crecendo en termos de produción e facturación... apostamos por converter Galicia nun referente do turismo enolóxico, e captar a visitantes a través de todo o bo que estamos a facer no territorio”.
Ademais de estar no espazo de Galicia, José González visitou hoxe os “stands” de outras comunidades autónomas con presenza en ProWein, como A Rioxa, Valencia ou Murcia, definindo a presenza da Xunta nesta “feira referencial para o sector a nivel global” coma “un exemplo máis do potente compromiso da Xunta co viño galego, e que vai a máis”.
Case 250 beneficiarios polas axudas autonómicas do 2023 específicas para o sector
Afondando na “potente alianza” da Xunta co sector vinícola, o titular do Medio Rural en funcións lembrou que só no referido ás axudas específicas para este sector, nas convocatorias do 2023 a Xunta investiu un total de 11,5 millóns de euros -ascendendo ata os 37,5 millóns de euros no balance do último lustro-, nun esforzo de colaboración que se seguirá desenvolvendo nos vindeiros anos.
Precisamente, o Consello da Xunta deu conta de razón a semana pasada da resolución anual da liña de elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas (6,5 millóns) e de promoción en terceiros países (1millón). E o pasado 16 de febreiro publicouse no DOG a resolución da liña anual para reestruturación e reconversión de viñedo, dotada con outros 4 millóns de euros. Este esforzo da Xunta, destacou o titular de Medio Rural en funcións, “evidencia a alianza cun sector chave para o rural, con máis de 10.000 produtores e 500 adegas”, e que é “absolutamente estratéxico”.
O conselleiro en funcións remarcou que estas axudas específicas para o sector -que só o ano pasado contaron, en total, con 242 beneficiarios- compleméntanse con outras liñas de apoio da Xunta chave para o desenvolvemento dos produtos agroalimentarios de calidade diferenciada e a súa promoción, “un aspecto fundamental, o de consolidar a súa presenza nos diferentes mercados, que xa potenciamos o ano pasado e que seguiremos impulsando este ano, cun novo Plan que irá ao Consello da Xunta esta mesma semana e que abrangue, precisamente, cuestións como estar hoxe en ProWein”.
“Temos moi clara a nosa folla de ruta, a través da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, coa que estamos a contribuír ao potenciamento dun sector cunha enorme capacidade para seguir medrando”, insistiu González, que tamén quixo ponderar a repercusión que terá a nova Lei da Calidade Alimentaria -en vigor dende o mes pasado- en sectores como o do viño.
Actividades no espazo de Galicia
Hoxe e mañá continuarán desenvolvéndose en Prowein as actividades organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, deseñadas co fin de reforzar a repercusión comercial da presenza da nosa comunidade nesta feira, incluíndo visitas guiadas polo espazo de Galicia dirixidas a pequenos grupos de profesionais alemáns do sector da hostalería, distribución e xornalismo. No percorrido enogastronómico amosarase a influencia dos climas, solos e variedades autóctonas que caracterizan e definen a calidade dos viños galegos.
O espazo da Xunta tamén conta cun Túnel do Viño, coa presenza das 32 referencias premiadas cos acios nas Catas de Galicia 2023. O espazo está atendido ao longo dos tres días desta feira polo sumiller Alejandro Paadín, e os participantes nesta iniciativa poderán degustar estes viños en maridaxe con outros produtos galegos con selos de calidade diferenciada.
Ademais, dentro da aposta por seguir reforzando a Galicia como destino enoturístico, os asistentes poderán coñecer os proxectos deste tipo presentados por bodegas galegas, ademais das rutas do viño lideradas polos diferentes consellos reguladores.