Atención ao paciente a familiares

A Deputación colabora coa AECC en Pontevedra

O presidente provincial visita a sede da AECC en Pontevedra para asinar un convenio de colaboración que fomenta a atención biopsicosocial ao paciente e aos seus familiares.

Susana Pedreira

Pontevedra | 17.06.2024 14:01

A Deputación colabora coa AECC en Pontevedra
A Deputación colabora coa AECC en Pontevedra | Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñeceu o “excelente” labor que os integrantes da Asociación Española contra o Cancro realizan en toda a provincia para atender ás persoas que sofren esta enfermidade e aos seus familiares nunha visita á sede que este colectivo ten en Pontevedra para asinar un convenio de colaboración que permita a posta en marcha, ao longo deste ano 2024, dun programa de “Atención biopsicosocial ao doente oncolóxico e aos seus familiares” para o que a Deputación achega 15.000 euros. A finalidade desta colaboración entre a Deputación e a AECC pasa por “proporcionar unha atención integral á persoa enferma de cancro e a súa familia para mellorar a súa calidade de vida, así como para sensibilizar á poboación sobre a enfermidade”.

Entre os obxectivos deste convenio figuran os de minimizar as alteracións emocionais derivadas da enfermidade, favorecer a integración social dos pacientes, previr a aparición dos síntomas desta doenza, contribuír a atender as necesidades básicas das persoas doentes, orientar aos pacientes na procura de recursos sociais ou favorecer o asociacionismo, a incorporación ao mercado laboral e sensibilizar a poboación sobre hábitos de vida sans.

Ambas as entidades comparten ademais un espírito municipalista para “construir unha provincia na que vivir moito mellor, porque a AECC chega a case todos os concellos, algo que nós, que somos a casa de todos os concellos, tamén facemos”, salientou o dirixente.