A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, desvelou hoxe o fallo do xurado do IV Premio literario Pinto e Maragota que concede o Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, e fíxoo acompañada polo gañador do certame, Manuel Antonio Fraga Allegue e a responsable de Comunicación da editorial, Sara Vila. O xurado, reunido o pasado 13 de novembro e após valorar as 33 obras presentadas, escolleu por unanimidade, a novela Askja de Manuel Antonio Fraga como a gañadora. Anabel Gulías destacou a importancia dun premio literario que ten como obxectivo visibilizar e dignificar a diversidade sexual, «o que fai a Pontevedra máis diversa e que fai que sexa moito mellor, máis equitativa e igualitaria». A continuación, a concelleira presentou o gañador da cuarta edición do certame, o primeiro varón en obter o galardón. Nas anteriores edicións, resultaron gañadoras as novelas Cobiza da escritora María Reimóndez e Estranxeiras da realizadora audiovisual Carmen P.G. Granxeiro e, na máis recente convocatoria, o poemario Todo o que doe de Carmen Caramés Gorgal. «Antonio Manuel Fraga non é un descoñecido en Pontevedra, aquí recolleu no ano 2018 o I Premio Literario María Victoria Moreno, pola súa obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa.», lembrou a concelleira de Igualdade para quen Fraga «é unha honra que volva a ser recoñecido de novo na cidade, un paso máis na súa consolidada carreira na literatura galega». Este premio literario nace ao acubillo do programa municipal Pinto e Maragota, unha iniciativa senlleira, única en Galicia á hora de ofrecer actividades durante todo o ano arredor da diversidade de sexo e xénero. Está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra por Edicións Xerais. Sara Vila anunciou que a novela para adultos gañadora do IV Premio literario Pinto e Maragota, Askja, será publicada na Colección Narrativa de Edicións Xerais no vindeiro mes de xuño.