O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou na inauguración da Barcelona Wine Week, que se celebrará deica o mércores e conta coa presenza de 25 bodegas galegas. Ademais, a Axencia contará cun espazo no que se poderán degustar os viños, augardentes e licores premiados nas Catas de Galicia 2022, que estará atendido por persoal técnico do Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria.
As bodegas estarán agrupadas por denominacións de orixe, cun espazo propio para Rías Baixas e outro para Ribeiro. O resto das empresas que teñen referencias en varias denominacións de orixe estarán agrupadas na mesma zona. Na mesma área, estarán situados os postos dos consellos reguladores de Monterrei e Valdeorras, que acoden á feira cun espazo propio tamén.
O sector galego
O prestixio dos viños galegos fan da nosa comunidade un referente dentro do sector vitivinícola español e internacional, converténdose nun dos puntos fortes da economía agraria galega. Neste senso, cómpre destacar que o sector aglutina, entre as cinco denominacións de orixe e as catro indicacións xeográficas protexidas de viño, máis de 10.000 viticultores e preto de 500 adegas, achegando un valor económico do viño cualificado de case 300 millóns de euros anuais.
A potenciación das nosas producións agroalimentarias, e nomeadamente as acollidas aos diferentes indicativos de calidade, axudan a crear unha imaxe positiva de Galicia que repercute de xeito favorable en toda a economía do medio rural galego e por extensión no conxunto da comunidade autónoma.
No resto de España os consumidores asocian Galicia con alimentos de calidade e a nosa gastronomía é unha das razóns principais polas que nos veñen visitar. Todo iso repercute de xeito positivo no conxunto de Galicia e da cidadanía. Para afondar nesta visión, a Xunta está a implementar a Estratexia de dinamización económica, territorial e turísticas das comarcas vitivinícolas de Galicia, en colaboración co sector.