O conselleiro do Medio Rural, José González, entregou os diplomas aos catadores participantes na última edición das Catas dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia. En concreto, celebráronse a XXXIV Cata dos Viños, a XXIV Cata das Augardentes, a XI Cata dos Licores Tradicionais.
Un grupo conformado por unha vintena de expertos catadores de diferentes ámbitos (asociacións, centros tecnolóxicos e científicos do sector vitivinícola, adegas e viñotecas), xunto con xornalistas especializados, foron encargados de cualificar os viños e as augardentes e licores nunha cata a cegas da que sairán os gañadores do concurso.
Ademais, o xurado encargado da supervisión de todo o proceso da cata estivo integrado por un secretario, membro do persoal da Área de Calidade Alimentaria da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e como vogais participaron representantes dos consellos reguladores e membros do Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria da devandita axencia.
A cata comezou o luns día 6 coas precatas e catas finais das augardentes e licores tradicionais. O martes e o mércores fíxose o propio cos viños, mentres que hoxe e mañá celebraranse as catas finais nas que se elixirán aos vencedores.
Este evento é organizado anualmente pola Consellería de Medio Rural e polos consellos reguladores coa fin de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas. Estes produtos están dotados dun carácter único e dunha personalidade que é recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.